Formación, emprendemento e profesionalización no turismo mariñeiro

Formación en turismo mariñeiro e pesca-turismo en Galicia

A formación é un dos piares fundamentais do proxecto. A través dun programa formativo integral e dun acompañamento continuo, búscase apoiar ao sector pesqueiro e acuícola na creación de produtos turísticos mariñeiros sólidos, seguros e viables.

O programa está dirixido a pescadores, mariscadoras, redeiras e outros profesionais do mar interesados en emprender no ámbito do turismo mariñeiro ou da pesca-turismo. Trátase dunha formación práctica, adaptada aos horarios do sector e orientada á posta en marcha de proxectos reais, con apoio técnico e profesional en todas as fases do proceso.

Que inclúe esta formación?

Xornada inicial

Primeiro achegamento ao proxecto, no que se presentan as oportunidades do turismo mariñeiro, se resolve dúbidas e se motiva ás persoas participantes a iniciar o seu camiño como emprendedoras.

Cursos

  • Curso presencial de pesca-turismo e turismo mariñeiro
  • Inglés para a atención turística (online)

  • Atención á discapacidade (online)

  • Habilidades sociais aplicadas ao turismo mariñeiro (online)

Visitas a experiencias en funcionamento

As persoas participantes poderán coñecer proxectos reais xa en marcha, aprendendo directamente de profesionais do mar que están a desenvolver con éxito actividades de turismo mariñeiro e pesca-turismo.

Programa de titorías personalizadas

Acompañamento individualizado para o deseño e desenvolvemento de cada iniciativa turística. As titorías permitirán traballar, entre outros aspectos:

  • A adaptación das embarcacións ás esixencias de prevención de riscos laborais

  • A adecuación dos barcos para o seu uso en actividades de pesca-turismo

  • A preparación técnica e empresarial necesaria para emprender con garantías

  • As vías de comercialización das experiencias turísticas mariñeiras

Revisión e asesoramento de embarcacións

Asesoramento técnico e de seguridade para a adecuación das embarcacións pesqueiras ás actividades de pesca-turismo, garantindo o cumprimento da normativa vixente.

Apoio á creación e difusión das iniciativas

Os GALP seleccionarán as mellores iniciativas creadas no marco do proxecto para a súa presentación e difusión entre a cidadanía, contribuíndo a dar visibilidade ás novas experiencias e a reforzar o turismo mariñeiro como unha oportunidade de diversificación económica para o sector.