Comezan as actividades dun proxecto de cooperación promovido por todos os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia para a promoción do turismo mariñeiro e pesca turismo no sector Pesqueiro.

Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia uníronse na promoción do proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca&Turismo baixo a coordinación do GALP Ría de Pontevedra. Este proxecto nace co obxectivo de estender a todas as comunidades costeiras galegas a promoción das actividades de pesca turismo e turismo mariñeiro dende o sector pesqueiro, tomando como exemplo o modelo desenvolvido no proxecto Mar das Illas, posto en marcha nas Rías Baixas e no entorno do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia que formou a máis de 250 profesionais do mar, impulsando novas vías de traballo en turismo mariñeiro e pesca turismo.

Desenvolvemento sostible e novas oportunidades

Mar e Rías Pesca&Turismo busca ofrecer ao sector pesqueiro novas fontes de ingreso a través da xeración de experiencias turísticas auténticas que contribúan ao mesmo tempo, á redución do esforzo pesqueiro e ao equilibrio entre actividade extractiva e conservación.

O proxecto tamén promove prácticas respectuosas co medio mariño, fomentando o coñecemento, respecto e coidado dos ecosistemas costeiros.

Estes obxectivos conseguiranse a través da posta en marcha de diversas actividades que se poñen a disposición das persoas que forman parte do sector Pesqueiro e acuícola de toda a costa galega.

Formación, emprendemento e profesionalización

O proxecto desenvolverá talleres de emprendemento, cursos de formación en cada territorio e titorías personalizadas para acompañar ao sector na creación de produtos turísticos mariñeiros sólidos e seguros.

As titorías abordarán:

  • adaptación das embarcacións ás esixencias de prevención de riscos laborais,
  • adecuación dos barcos para uso turístico,
  • vías de comercialización,
  • e a preparación necesaria para emprender con garantías. As persoas participantes poderán realizar visitas a experiencias xa en funcionamento, aprendendo directamente de profesionais do mar que xa están a ofrecer actividades de éxito. Os GALP seleccionarán as mellores experiencias creadas polo sector para seren presentadas e difundidas á cidadanía. Xornada Técnica Pesca&Turismo
    O proxecto inclúe a celebración dunha XORNADA TÉCNICA DE PESCA&TURISMO, un espazo de encontro entre sector e administracións:
    • Lugar: Casino de Noia
    • Data: 12 de decembro
    • Obxectivo: avanzar na coordinación institucional e sectorial para consolidar o turismo pesqueiro en Galicia. Formación aberta e accesible Crearase unha oferta formativa complementaria de tres cursos en liña, entre eles un de iniciación ao inglés turístico, que permanecerán abertos durante seis meses para favorecer a participación do conxunto do sector pesqueiro galego. Xornada Internacional de Turismo Pesqueiro
      Como peche do proxecto celebrarase unha Xornada Internacional de Turismo Pesqueiro, centrada na análise dos avances acadados, a situación actual do turismo. Un modelo de éxito. Da iniciativa Mar das Illas, levada adiante ao longo dos anos 2017 a 2020, xurdiron experiencias turísticas hoxe plenamente consolidadas, como:
    • “Mariñeiro por un día”, promovida polo Patrón Maior de Sanxenxo, Sauro Martínez Durán, que ofrece ao público a oportunidade de vivir unha xornada real de traballo a bordo.
    • As saídas de pesca no Novo Migueliño, de Severino Casal Diz, que permiten ás persoas visitantes embarcarse e coñecer de primeira man a vida e o esforzo da pesca tradicional.

• As experiencias de marisqueo en compañía de mariscadoras, promovidas por Amarturmar, Mulleres do mar de Poio, Amarcarril, mariscadoras de Vilanova de Arousa e as mariscadoras de Mar da Pobra do Caramiñal que amosan o valor e a dureza dun oficio esencial para as rías galegas.

Por su parte, tamén dende o GALP Costa sostible se puxeron en marcha iniciativas de formación para promover a diversificación do sector que tiveron moi boa acollida no territorio dando lugar a iniciativas que verán pronto a luz a partir do traballo de colectivos de redeiras de Porto do Son, que comparten o seu coñecemento e o oficio de coser redes, sen as cales simplemente non habería pesca.

Estas iniciativas demostraron que o turismo mariñeiro é unha ferramenta eficaz para diversificar ingresos, sumar valor ao produto e fortalecer o vínculo entre mar e sociedade.

Sobre esta base constrúese agora Mar e Rías Pesca&Turismo, proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (70 %) e a Consellería do Mar 30 %